
Qué noite a daquel verán
As farolas mariñeiras do paseio Lluis Companys
lémbranme daquela xolda de noite cos “Petromax”.
Foivos aló no Folgueiro pola festa patronal
na estrada que vai pra Suegos e aínda todo por cantar.
Tocaban ben “Los del Valle” e non o facían mal
herdeiros da “Orquesta Teyma”: Valadouro musical.
Dábanlle tanto ó moderno, ó mambo e ó chá-chá-chá,
ó rocanrrol de Elvis Presley ou ó Manolo Escobar.
Unha rapaza galega dunha aldea de acolá
cantou como unha andaluza “A tu vera” en castelán,
meu fillo, con tanto xeito que as bágoas fixo brilar
do xentío emocionado que berraba: “¡iso é cantar!”
No ceo a lúa brilaba e na festa os “Petromax”.
Na estrada que vai pra Suegos,
¡qué noite a daquel verán!