Corazón
Que fráxiles os pulmóns.
O estómago a piques de estoupar.
Pero o corazón vencerá.
Vou á cama elástica: saltan canda min.
Aínda son bastante cálidas.
Pero logo un día deixan cicatriz.
Sairemos do tempo do licor café para entrar no do café e o café con leite, e todas as festas do ano que vén van ser bastante peores que as deste. Fela Kuti andou por aquí e a música soaba tan diferente. As caras moi xuntas. Pálidos e adolescentes.
Aproveita as cousas que non duran para sempre. Gústame tanto, tanto vivir, onde irá esta paixón cando non quede xente?
Xa non bebo alcol, que se me perde a min neste pub? Feeling, emoción: somos eternos pero tamén mortais. O fígado é un cabrón. Do páncreas quen se vai fiar?
Pero o corazón vencerá.